Unha sentenza do TSXG anula os permisos de Industria ós depósitos de Ferrazo

    depositosferrazo_100_300506.jpgVILAGARCÍA > Os depósitos de hidrocarburos de Ferrazo, en Vilagarcía, carecen de autorización para funcionar. Así o sinala a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa logo de coñecer unha sentenza do Tribunal de Xustiza de Galicia na que se anulan os permisos outorgados por Industria a Finsa e Foresa. O Sala do Contencioso Administrativo admitiu a trámite un recurso da Plataforma.

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de anular os permisos outorgados no seu día pola Consellería de Industria para a instalación dos depósitos de Finsa Foresa, no peirao de Ferrazo, en Vilagarcía. A Sala do Contencioso Administrativo de devandito tribunal ditou onte unha sentenza na que admite a trámite un recurso da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa contra esta autorización.

    depositosferrazo_300_300506.jpgO escrito xudicial recoñece ademais que os depósitos son perigosos para a ría e para os seus habitantes e sostén que non se cumpriu coa normativa europea ó non levar a cabo unha avaliación de impacto ambiental. Por iso, o Tribunal acorda no fallo anular as resolucións recorridas por ser contrarias a dereito, e ordena a devolución do expediente á Consellería de Industria. O organismo xudicial recoñece que existe un interese lexítimo e directo por parte da maior parte dos integrantes da Plataforma para recorrer estas autorizacións como parte afectada.

    A sentenza fala incluso do perigo dos depósitos para a vida dos cidadáns e o risco que suporía para os intereses turísticos e ecolóxicos da ría. O Tribunal galego di que non é a súa intención entrar en polémicas sobre se a instalación se axusta ou non á normativa e ás medidas de seguridade industriais, senón sobre o perigo potencial dos depósitos para a integridade física dos habitantes na zona e para o marisqueo e desenvolvemento turístico nunha zona eminentemente paisaxística e privilexiada. Fronte a iso, considera que os medios de prevención -parque de bombeiros, distancias entre depósitos e plans de urxencias- son escasos en caso de accidente. E sinala ademais a falta de avaliación de impacto ambiental, que a entender do Tribunal, incumpre a normativa comunitaria e o seu control pola comunidade autónoma.

    A sentenza admite que tamén a administración local deu a súa autorización ós depósitos, pero indica que podería ser revogada por outros recursos pendentes ante a sección segunda desta sala. Para a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, isto significa que na actualidade os depósitos de Ferrazo carecen de autorización para funcionar. En todo caso a sentenza non é firme, e pode ser recorrida.

    Sobre este asunto manifestouse o Concello de Vilagarcía. O goberno local considera que esta resolución xudicial non pon en dúbida a tramitación feita desde o concello e cre que deixa claro que unha cousa é a competencia municipal e outra a autonómica. Por iso estima que é a consellería de industria quen debe manifestarse sobre a sentenza, sobre todo pola relevancia do asunto. O Concello de Vilagarcía lembra ademais que non foi parte deste proceso xudicial, nin como demandada nin como co – demandada.

    Redacción Salnés