Touriño compromete o traslado de ENCE para antes de 2008

    PONTEVEDRA > O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, realizaba a súa primeira visita oficial ó concello de Pontevedra. O xefe do executivo galego comprometeu importantes actuacións, caso do saneamento de todo o rural prontevedrés nos vindeiros 5 anos, a aposta pola sanidade ou o compromiso de trasladar a fábrica de ENCE a outro emprazamento nun prazo máximo de un ano.

    tourinolores_200_300506.jpgO presidente da Xunta de Galicia chegaba ó concello de Pontevedra ás 11 e media da mañá do martes no que foi a súa primeira visita institucional ó municipio. A corporación local recibiu ó máximo mandatario autonómico con varios proxectos baixo o brazo para Pontevedra dos que Pérez Touriño xa tiña constancia.

    O rexedor local, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a visita do xefe do executivo galego polas importantes actuacións comprometidas en materia de infraestructuras, deporte, cultura, sanidade ou turismo e que na visita confirmaba dende o salón de plenos da capital de provincia. As comunicacións por vías de alta capacidade centraron boa parte do seu discurso, tanto as que están en marcha, caso da autovía do Salnés como as que se prevén a medio prazo, como a do vila de alta capacidade libre de peaxe que irá de Vilagarcía a Vigo en paralelo coa AP-9.

    Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño amosou o seu convencemento de que Pontevedra experimentará ‘un antes e un despois’ logo da nova etapa aberta cos comicios do pasado mes de xuño e o ‘Goberno de cambio’. O mandatario autonómico tamén lembrou actuacións no ámbito deportivo e cultural, como as obras que se están a levar a cabo no museo de Pontevedra, a colaboración que a Xunta realiza para a construción do novo estadio de Pasarón, o compromiso co proxecto do Centro Deportivo da Parda, ou o Plan de Excelencia Turística de Pontevedra.

    Ó remate do acto, ambos mandatarios intercambiaron agasallos, demostrando así as boas relacións entre a administración local e autonómica. O presidente da Xunta asinou no libro de honra e posteriormente saudou ós voceiros municipais na sala de xuntas, manifestando o impulso decidido dende a Xunta de Galicia ós proxectos de Pontevedra e agradecendo o afecto e a cordialidade amosados nesta primeira visita oficial á cidade.

    Obrastourinolorescasco_200_300506.jpg

    Pérez Touriño interesouse tamen polas obras en Campolongo dos novos edificios da Xunta de Galicia. O presidente recibiu unha explicación das obras e percorreu diferentes andares dos edificios. O mandatario galego rematou a súa visita oficial á cidade do Lérez cun xantar ofrecido polo alcalde no Parador Nacional de Turismo.

    Críticas ós alcaldes

    O presidente da Xunta foi rotundo esta mañá en Pontevedra ó defender as decisións do goberno autonómico en materia urbanística e que denegan actuacións defendidas polos alcaldes da zona, caso da polémica ronda de Sanxenxo. Pérez Touriño dixo que non aceptará inversións mercantilistas e especulativas e que por eso seguirá paralizando actuacións urbanísticas inviables.

    Redacción Salnés