A OCU desaconsella o baño na praia de Barraña

    BOIRO > A Organización de Consumidores e Usuarios vén de analizar, na súa publicación mensual, a calidade das augas dun total de 80 praias de toda España. Desafortunadamente, unha das que non superan o exame é a praia de Barraña en Boiro, catalogada pola OCU como non apta para o baño. Lonxe de dar importancia a esta diagnose, o goberno local entende que os resultados expostos pr esta organización privada carecen de rigor posto que as análises foron realizadas en xullo do pasado ano.

    barraa_300_31062006.jpgDo total das oitenta praias analizadas pola OCU en toda España un 70 por cento supera con éxito o exame mentres que doce do total, entre elas a de Barraña, presentan contaminación nas súas augas. A organización de Consumidores e Usuarios chega a desaconsellar o baño neste areal, recomendación que non merece ningún crédito por parte do executivo local posto que as análises que levaron a esta conclusión foron realizadas hai preto dun ano sen dar aviso ningún ó concello.

    O concelleiro de Turismo, Manuel Velo, defendeu a calidade das augas da costa boiresa baseándose nas análises realizadas periodicamente pola Consellería de Sanidade que este ano outorgou catro bandeiras azuis ó municipio boirés.

    Da mesma opinión son os bañistas e usuarios da praia de Barraña que non entenden as recomendacións da OCU posto que, a pé de praia, comprobaron  o bo estado en que se atopan as súas augas.

    Dende o concello envíase unha mensaxe tranquilizadora a tódolos veciños insistindo en que a OCU constitúe unha organización privada cuxos métodos non merecen a mesma credibilidade que a Xunta de Galicia que garante a total seguridade para os bañistas neste areal.

    Redacción Barbanza