![]()
BOIRO > Técnicos municipais do concello de Boiro realizan un estudo sobre a calidade do terreo na parcela na que está prevista a construción das vivendas sociais en Escarabote.
A intención do concello é realiza-la cesión da parcela canto antes para axiliza-la execución das vivendas sociais proxectadas na parroquia de Lampón. A Consellería de Vivenda e Solo xa informou de que existe unha partida presupostaria para este proxecto polo que é preciso realizar os informes pertinentes que autoricen a cesión dos terreos á administración autonómica. O estudio xeo-técnico sobre a calidade da parcela para a edificación realizado esta mañá é un paso adiante nese camiño.
O obxectivo é reunir tódolos informes técnicos precisos para autoriza-la cesión dos terreos á Xunta de Galicia posto que, na actualidade, xa existe unha partida nos orzamentos autonómicos para a execución do proxecto.Unha vez estudados tódolos informes técnicos por parte da Consellería de Vivenda levarase a pleno o informe para que a Xunta de Galicia proceda a adxudica-la redacción do proxecto. A este respecto, o concello ten previsto convocar un concurso de ideas entre mozos universitarios da zona que poidan aportar ideas á administración autonómica.
Nesta parcela, cunha superficie total de 625 metros cadrados, construiranse arredor de 26 vivendas destinadas fundamentalmente á mocidade boiresa. Ademais poderán acceder ás viviendas sociais persoas maiores de 65 anos que non posúan unha vivenda en propiedade ou que residan nunha infravivenda. A pranta baixa do inmoble será de titularidade municipal e destinarase a usos sociais para os habitantes da parroquia de Lampón.
Redacción Barbanza










