Concello e Xunta acordan melloras educativas no municipio pontevedrés

    laurasanchezlores_100_310506.jpgPONTEVEDRA > As relacións entre o concello de Pontevedra e mailo goberno autonómico fructifican. A xuntanza que mantiveron no concello de Pontevedra a conselleira de Educación, o delegado de Educación en Pontevedra e mailo alcalde Miguel Anxo Fernández así o demostra. Pontevedra ampliará o número de comedores nos colexios do municipio, aumentará o material deportivo para o uso extraescolar e dotará dunha sede á escola de adultos. Estes son algúns dos acordos ós que chegaron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e maila consellería de Educación, Laura Sánchez Piñón. Trala reunión mantida visitaron varias escolas públicas do concello.

    laurasanchezlores2_300_310506.jpgNo preto dunha hora que estiveron reunidos adquiriron varios compromisos entre os que se contempla a ampliación do número de comedores nos colexios onde sexa posible, asinar un convenio para dotar de material deportivo certos centros ou trasladar a escola de adultos á actual facultade de Ciencias da Educación que depende da Universidade de Vigo.

    Na reunión o concello acordou ceder os terreos para a construcción dun novo edificio para a escola de Hostalería Carlos Oroza que actualmente se atopa nas inmediacións da Escola Príncipe Felipe. Educación colaborará asemade coa UNED (a Universidade a distancia con sede en Pontevedra) para aliviar certos gastos cos que conta. Trala xuntanza, a conselleira, acompañada polo alcalde, o edil de educación e mailo delegado de Educación en Pontevedra fixeron unha visita a varios centros públicos ós que afectan ou afectarán os acordos ós que chegaron.

    Redacción Salnés