Gallego percorre a historia de Meis a través das súas ‘fundacións’

    MEIS> Meis pon de actualidade o seu pasado. O concello presentou esta mañá “Fundacións en Meis”, unha obra de Mario Gallego que fai un repaso das agrupacións sen ánimo de lucro que ao longo dos séculos traballaron no pobo. Unha premisa que serve ao autor como escusa para facer un repaso dalgúns dos costumes e aspectos da historia e dos veciños.

     

    Testamentos, documentos de propiedade, rexistros municipais e moitas referencias populares, todas contrastadas historicamente, serven a Mario Gallego de base para a súa obra “Fundacións en Meis”.

    Tanto o mundo relixioso como o laico teñen presenza nesta obra, editada coa colaboración do concello. Un traballo que, segundo o alcalde, xa forma parte da historia, patrimonio e cultura do municipio.

    Dende o século XI ata o XX. Todos estes anos pasan o escrutinio do que xa se considera o cronista oficial de Meis, que fai un compendio de costumes, documentos e curiosidades.

    A influencia do mosteiro da Armenteira na vida das xentes, o traballo dos emigrados a América para mellorar a vida dos conveciños que quedaron atrás ou a relación dalgunhas parroquias coa orde dos Cabaleiros Templarios. Curiosidades e feitos históricos que Mario Gallego recolle de xeito documentado para dar forma ás “Fundacións en Meis”.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/28/libro_fundacions_meis.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/28/libro_fundacions_meis.mp4{/flowplayer}