![]()
BARBANZA > De novo este ano, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, que concede as bandeiras azuis, foi xenerosa coa comarca do Barbanza. Nesta ocasión, outorgou o distintivo azul a un total de 13 praias da comarca: 6 de Ribeira, 2 da Pobra do Caramiñal, 4 de Boiro e 1 de Rianxo.
O concello de Ribeira volveu acadar este ano seis bandeiras azuis, o que o converte nun dos municipios máis agraciados de Galicia, só superado por Sanxenxo e Vigo en Pontevedra e Barreiros, na provincia de Lugo, e igualado a outros municipios coma Foz e Cangas.
As praias de Coroso, o Vilar, a Corna, Río Azor, o Touro e a Ameixida ondeará este ano este distintivo que premia a calidade das augas e a dotación de servizos nos areais.
Precisamente o alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, valorou moi positivamente este feito e lembrou que o atractivo das súas praias e ó conmemorarse este ano o seu centenario coma cidade converten a este municipio nun destino turístico ineludible.
No municipio da Pobra do Caramiñal, continuará ondeando este distintivo nas praias de Lombiña-Cabío e a Illa.
O concello de Boiro resultou este ano tamén favorecido, xa que ás bandeiras azuis das praias de Carragueiros, Barraña e a Retorta, súmaselle por primeira vez o areal de Mañóns
Polo que se refire ó concello de Rianxo cómpre sinalar que seguirá mantendo a bandeira azul no seu areal estrela: Tanxil, que é ademais a praia á que acode un maior número de bañistas.
Este ano a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor outorgou tamén distincións temáticas en salvamento e socorrismo a sete concellos galegos entre os que destacan da nosa zona Ribeira e Sanxenxo.
O mantemento da bandeira azul na praia de Barraña choca frontalmente cos informes pulicados pola OCU na que desaconsella o baño neste areal. Representantes do goberno boirés compareceron esta mañá para informar do total cumprimento das garantías sanitarias nesta praia así como das numerosas inversións realizadas polo tripartito no saneamento e calidade das augas de todo o litoral boirés. Segundo informou o concelleiro de Turismo de Boiro, Manuel Velo, o tripartito está especialmente sensibilizado cos temas medioambientais polo que investiu preto de tres millóns de euros para garantir a calidade das súas augas. Neste sentido, Velo referiuse ás obras de saneamento realizadas no casco urbano como a segunda fase do colector do río Breiro ou o proxecto da rede de sumidoiros en Boiro de Arriba para a eliminación dos vertidos ó río Coroño.
Nesta mesma liña, o goberno local investiu preto de seis millóns de euros na rexeneración da praia de Barraña que, un ano máis, ostentará o distintivo de bandeira azul. Por este motivo, dende o concello estase a estudar a posibilidade de interpoñer unha querella por calumnias á Organización de Consumidores e Usuarios.
Pola súa banda, o edil de obras, Xoán Xesús Ares é cosnciente de que Barraña é susceptible de mellorar pero descartou calquera tipo de risco sanitario nas costas boiresas. Nestes intres estase a levar a cabo unha limpeza integral da rede de sumidoiros que discurre polo paseo marítimo e seguiranse a desenvovler actuacións encamiñadas a mellorar todo o litoral do municipio.
Redacción Barbanza









