O executivo noiés busca solucións á vaga de roubos

NOIA> Os datos aportados pola Garda Civil na Xunta Local de Seguridade revelan un aumento deste tipo de actos delitivos no último mes.

A preocupación existente no seo da patronal noiesa e na veciñanza en xeral plásmase tamén nos datos analizados esta mañá na reunión da xunta local de seguridade celebrada no Concello. Establecéndose unha comparativa no número de delitos de 2017 con respecto ó ano anterior, constátase un moderado incremento da criminalidade no Concello, centrado principalmente en delitos leves contra o patrimonio, fundamentalmente estafas bancarias por Internet e apropiacións indebidas. Pola contra, e segundo estes propios datos, tamén se produciu un descenso en delitos máis graves, coma os roubos con forza e a subtracción de vehículos.

Na xuntanza tamén se analizou o repunte, no último mes, de roubos con forza, na súa maioría a establecementos comerciais, fundamentalmente en horario nocturno. Unha das principais razón que levaron ó executivo a convocar precisamente esta Xunta Local de Seguridade debido á alarma social existente. Neste sentido as forzas da orde deron a coñecer os resultados da Operación Manitas, que permitiu esclarecer a semana pasada boa parte destes actos delitivos. Esta operación rematou coa detención de sete persoas, das que tres permanecen en prisión preventiva e outros en liberdade vixiada, e a recuperación de numerosos obxectos subtraídos. Na reunión tanto o alcalde, Santiago Freire, coma o subdelegado do Goberno agradeceron o traballo levado a cabo polos axentes da Garda Civil e destacaron o elevado índice de efectividade policial.

A vaga de roubos que nos últimos meses está a rexistrar Noia provocou tamén unha resposta airada dos grupos da oposición, ó entender que debera producirse un incremento da vixilancia nas rúas. Neste sentido culpan, en parte, ó propio equipo de goberno de falla de previsión, ó non ter cuberto con anterioridade as prazas actualmente vacantes na Policía Local.

O aumento do número de efectivos da plantilla da Policía Local permitiría ó Concello poder volver a recuperar as quendas de noite dos axentes, o que provocaría tamén, segundo eles, un efecto disuasorio nos delincuentes.