A ANPA do IES Coroso pide a destitución de Ventoso Mariño

    RIBEIRA > A Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Instituto Praia de Coroso de Ribeira vén de solicitarlle unha vez máis á Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, a través dun escrito, a destitución inmediata do director do centro educativo, Xosé Antonio Ventoso Mariño.O escrito dos pais vén tamén arroupado polo profesorado do instituto que se sente acosado pola dirección.

    As nais e pais de alumnos do IES Coroso veñen de remitirlle de novo dous escritos á Conselleira de Educación, nun dos cales lle solicitan a destitución do responsable actual do centro, Xosé Antonio Ventoso Mariño e do seu equipo directivo. As razóns esgrimidas pola ANPA deste instituto para argumenta-la súa solicitude baséanse fundamentalmente na perda de confianza no desempeño das súas funcións.

    Os proxenitores noutro escrito tamén convidan á Conselleira de Educación a realizar unha visita ó centro e coñecer de primeira man as instalacións.

    Dende o profesorado deste instituto non se entende tampouco como a Xunta de Galicia pode seguir mantendo no seu posto a Ventoso mariño, xa que segundo eles, en ningún momento amosou diálogo, defensa e apoio no conflito máis importante a nivel educativo vivido nos últimos anos en Ribeira. Os profesores do IES Coroso seguen denunciando o acoso recibido dende a dirección do centro e fan referencia tamén á falla de diálogo existente, o que vén a dificulta-lo traballo diario no instituto.

    Redacción Barbanza