O concello de Boiro entrega as subvencións deportivas ós clubs locais

    BOIRO > O concello de Boiro entregou esta pasada fin de semana as subvencións anuais ós diferentes clubs deportivos existentes no municipio. Aproveitouse o acto tamén para reparti-los premios ós deportistas, equipos e institucións que máis destacaron durante o pasado ano.

    O alcalde, Xosé Deira, os Tenentes de Alcalde, Xoán Xesús Ares e Manuel Velo, así como a concelleira de Deportes, Dores Torrado, presidiron o acto de entrega dos premios e subvencións ós clubs deportivos do municipio nun acto que se celebrou no propio salón de plenos do concello.

    No referente ás subvencións, o Departamento de Deportes boirés incrementou este ano a partida orzamentaria destinada ás subvencións a clubs deportivos locais, pasando de repartir 39 mil 500 euros a 42 mil.

    O número de solicitudes este ano foi inferior ó ano anterior, tan só 24 entidades presentaron a socumentación oportuna para optar a estas axudas, quedándose fóra das mesmas clubs coma o Náutico.

    O club máis beneficiado este ano foi e novo o de Remo de Cabo de Cruz, con 4.500 euros, polo que superou ó Club Deportivo Boiro que recibiu 3.900 euros de subvención.

    Tamén por riba dos 3 mil euros estiveron o Santa Baia de baloncesto 3.800, o de Piragüismo Morcego 3.700, o Abanqueiro 3.200 ou o Club Ciclista Barbanza 3.000.

    O concello de Boiro aproveitou a entrega das subvencións ós clubs locais para premiar tamén ós deportistas máis destacados durante o pasado ano 2005.

    Entre os premios colectivos destacar ó Club de Remo Cabo de Cruz ou ó equipo junior do Club Ciclista Barbanza.

    No que se refire á entrega de premios, os agraciados a nivel individual foron foron o nadador Rufino Regueira, que milita no Club Natación Ribeira, grazas á súa brilante actuación este ano nos Campionatos de España G4 para nados nos anos 1989 e 1990.

    A Esmeralda Santos e Eva Val do Club de Remo Cabo de Cruz, a primeira delas campiona galega na modalidade Skiff.

    Tamén se premiou a Andoni Larrauri palista do Club Piraguismo Morcego que se proclamou Campión de España por autonomías formando parte da selección galega.

    Outros dos premiados foron Xosé Manuel Suárez, Jorge Suárez e Daniel Suárez do Club Motociclista de Boiro, así como Uxío Rial do Club Ciclista Barbanza.

    O Club Deportivo Boiro en categoría feminina tamén foi premiado, pola participación de varias xogadoras coa selección galega: Marta Pazos, Aixa Montiel, Katerina Sánchez, Ana Bermúdez, Soraya Piñeiro e Rita Santos

    Tamén foron premiadass as taekwondistas Goretti Somoza e Rebeca Mariño.

    No referente ós clubs, recoñeceuse o labor do equipo cadete do Club Deportivo Boiro polo seu ascenso á Liga Galega, á tripulación xuvenil masculina do Club de Remo Cabo de Cruz por proclamarse Campiona Galega de bateis e ó equipo junior do Club Ciclista Barbanza polo seu destacado protagonismo no Campionato Galego de Fondo de Estrada celebrado en Ponteareas.

    Nos premios colectivos tamén se premiou á tripulación feminina da categoría xuvenil-senior do Clug de Remo Cabo de Cruz  polo seus Campionatos de Galicia e España de bateis, competición que gañan por cuarta e quinta vez respectivamente, así como á Traíña de Cabo de Cruz gañadora do Campionato Galego da especialidade e cuarta clasificada no Campionato de España.

    Redacción Barbanza