Os escolares boireses aprenden a comportarse ante unha emerxencia

    BOIRO > Os rapaces do Colexio Santa Baia participaron este xoves nun simulacro de incendios levado a cabo polo equipo de bombeiros de Boiro. O importante despregamento de medios e a impactante posta en escea fixo as delicias dos cativos que seguiron con atención tódolos pasos dados polos efectivos deste corpo para a extinción dun hipotético lume.

    A primeiras horas da mañá, os cativos do Colexio Santa Baia víanse obrigados a desaloxa-las aulas entre o estruendo das sirenas dos camións de bombeiros e os vehículos da Policía e Protección Civil. A pesar do realismo da escea non se trataba máis que dun simulacro contraincendios levado a cabo polo equipo de bombeiros de Boiro. Os axentes déronlle a coñecer ós rapaces os pasos a seguir no caso de que se producira un incendio real. Para elo, non escatimaron en medios e puxeron en escea todo o material preciso nestes casos.

    Os pequenos seguiron de preto os movementos de cada un dos bombeiros que, entre auga, fume e mesmo escuma, conseguiron encher de verosimilitude o simulacro. Incluso algún dos cativos participou activamente na representación, simulando quedar atrapados dentro do recinto tendo que ser evacuados.

    Os bombeiros despedíronse, entre aplausos, dun público do máis entregado entre o que, de seguro, máis de un xa ten clara a súa nova vocación.

    Redacción Barbanza