BOIRO> Boiro desenvolverá este sábado unha campaña de prevención da diabetes. As persoas que se acheguen á aula multiusos do mercado recibirán información sobre como previr e tratar a enfermidade. Tamén poderán realizarse probas como o control da glucosa e a tensión.
A colaboración entre o servizo de Endocrinoloxía do Hospital do Barbanza e o concello de Boiro terá como resultado as primeiras xornadas de prevención da diabete que se celebran no Barbanza.
Esta campaña está dirixida tanto a pacientes diagnosticados de diabetes como á poboación en xeral. Os primeiros recibirán recomendacións específicas para tratar a súa patoloxía mentres que o resto de persoas coñecerán os principais factores de risco e os consellos para previr a aparición da diabetes.