Ribeira concentra uns dos maiores índices de contaminación acústica de Galicia

    RIBEIRA > As constantes demandas realizadas pola Asociación de Veciños Cruceiro de Bandourrío teñen un novo apoio no informe anual do Valedor do Pobo que cataloga Ribeira como unha das cidades máis contaminadas acusticamente. Esta non é a primeira vez que esta institución da o seu apoio ós veciños posto que xa ten enviados anteriormente numerosos requirimentos ó concello de Ribeira, sen que foran tidos en conta pola administración local.

    bandourrio_200_020606.jpgSegundo recolle o informe feito público polo Valedor do Pobo, o concello de Ribeira non realiza un seguimento dos locais ilegais que non contan con licenza de pub nin vela polo cumprimento dos horarios de peche o que incide nun excesivo ruído nas rúas a altas horas da madrugada. Por este motivo, Ribeira presenta un dos casos de contaminación acústica máis importantes de toda Galicia. Ademais da música dos locais que non se atopan insonorizados, prodúcese con frecuencia a concentración de xente na rúa bebendo alcol co consecuente ruído que producen.

    Outro dos factores que inflúen na contaminación acústica son os vehículos dotados de megafonía que circulan pola vila para fins publicitarios.

    Todos estes motivos levaron ó Valedor do Pobo a formular unha recomendación ó executivo ribeirés solicitándolle un maior control sobre o funcionamento dos locais procedendo á súa insonorización. Sen embargo, e ata o momento, tódalas recomendacións en materia de contaminación acústica foron desatendidas polo concello.bares_200_020606.jpg

    O Valedor do Pobo é moi crítico no seu informe co concello, afirmando que en Ribeira ‘todo é posible mentres que o autorice o executivo, sen criterio de ningún tipo’. Así mesmo considera que determinados problemas de orde pública e de limpeza son froito da mala xestión do goberno municipal.

    Dende a Asociación Cruceiro de Bandourrío agárdase que este informe sexa tido en conta polo executivo aínda que lembran que, ata o momento, o concello desoíu tódalas recomendacións. 

    Redacción Barbanza