RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de da-lo primeiro paso para conseguir que a Praza de Teruel, situada na zona de Bandourrío, sexa en breve un espazo de titularidade pública. A través dunha permuta cunha empresa promotora da zona o executivo ribeirés prevé urbaniza-la praza antes de que remate este ano.
Hai aproximadamente unhas semanas a Comisión de Goberno Local aprobou de xeito inicial un convenio a través do cal o concello cédelle o 10% do aproveitamento lucrativo duns terreos na zona de Insuela en Palmeira a unha empresa que pretende edificar nese solar. A cambio a firma promotora entregaralle ó concello os terreos correspondentes á Praza Teruel, de propiedade privada e radicada nunha das zonas máis antigas da cidade.
O concello de Ribeira ten previsto investir uns 64 mil euros na reforma da Praza de Teruel, que pasaría a converterse nun espazo público.
Precisamente o executivo atópase actualmente inmerso nas xestións para conseguir que esta explanada pase a ser de titularidade pública.
Co obxectivo de que esta actuación sexa o máis axeitada posible o arquitecto municipal actualizará e revisará o proxecto existente e que xa data de hai varios anos.
Entre as accións a levar a cabo na praza figuran a instalación dunha rede de saneamento e de canalización de pluviais. Ademais tamén se nivelará o chan e cubrirase con lousas de pedra.
Dende hai tempo os veciños desta zona quéixanse de que o contorno, debido ó seu aspecto descoidado, se converteu nun foco de vandalismo.
Os veciños están contentos co acondicionamento do entorno pero dubidan da legalidade do proceso que levou a cabo o concello para facerse coa súa titularidade.
Redacción Barbanza