Tomás Fajardo someterase a unha cuestión de confianza

    PORTO DO SON> O presidente da Federación Galega de Confrarías someterase este sábado a unha cuestión de confianza despois de que os pósitos pontevedreses solicitaran a súa dimisión. Foi o propio Tomás Fajardo quen accedeu voluntariamente a someterse a unha votación para comprobar se conta co respaldo maioritario dos socios. De non ser así, non dubidará en dimitir. A crise do cerco e a postura sobre a lei de acuicultura abriron un conflito no seo da federación galega de confrarías que acabou coa solicitude da dimisión do presidente por parte de Pontevedra. Ante esta petición, Tomás Fajardo decidiu, por iniciativa persoal, someterse a unha cuestión de confianza na que os socios votarán se respaldan ou non a súa xestión. Aínda que a consulta non é vinculante, Fajardo ten claro que dimitirá se non conta cos apoios suficientes para sentirse lexitimado. Á espera de coñecer o resultado da votación que se celebrará o sábado en Santiago, Tomás Fajardo xa manifestou a súa intención de renunciar como vogal na autoridade portuaria de Vilagarcía para facilitarlle o relevo a un patrón maior da Arousa, máis coñecedor da ría.