Unha queima controlada dispara a alarma sobre un posible incendio

    POBRA > Os veciños da comarca do Barbanza, así como os do outro lado da ría de Arousa en localidades como a Illa, Vilagarcía ou Catoira, espertaron esta mañá cunha tráxica imaxe. Unha enorme fumareda que cubría prácticamente a totalidade da Serra do Barbanza. A primeira vista todo facía presaxiar un incendio, coa chegada do verán e as altas temperaturas, os lumes recobran desgraciadamente maior protagonismo. Nada máis lonxe diso, a acción era froito dunha queima controlada por Medio Rural.

    incendios_300_020606.jpgOs responsables da Consellería de Medio Rural non queren que este ano se repitan as escenas de incendios forestais vividas durante o pasado verán e, desta forma, puxeron en marcha unha precampaña de incendios forestais que comezou o pasado mes de abril e que terminará a finais deste mes de xuño.

    No mes de xullo tamén se incrementarán os efectivos tanto materiais como humanos, que estarán en alerta ata finais de setembro e, en caso de que as condicións o xustifiquen, podería ampliarse máis tempo.

    Esta mañá varias brigadas de obras e persoal da Consellería de Medio Rural realizaron unha queima controlada posto que este tipo de prácticas están prohibidas para os particulares dende o pasado luns. A pesar de en todo momento o lume estivo controlado polas brigadas, a aparatosidade do fume fixo pensar a moitos barbanzáns que se trataba dun incendio incontrolado, como os que, desgraciadamente, durante o pasado verán asolaron unha gran parte da Serra do Barbanza.

    Precisamente, esta pasada noite rexistrouse un conato de incendio no termo municipal de Palmeira en Ribeira. O lume comezou arredor das tres e media da madrugada pero en tan só unha hora xa estaba controlado. As lapas arrasaron 0’6 hectáreas de monte raso, polo que soamente está considerado como conato de incendio xa que cando a queima se produce en monte raso só se considera incendio se a superficie queimada supera a hectárea.

    Redacción Barbanza