A acusada polo accidente de Palmeira, condenada a doce anos e medio de cadea

RIBEIRA> A Audiencia Provincial da Coruña condenou a doce anos e medio de cadea á autora do accidente moral de Palmeira. Ratifica así o veredicto do xurado popular aplicando a pena máxima que solicitaba a acusación popular.

Doce anos e medio de cárcere e oito de privación do dereito para conducir vehículos a motor. É a pena imposta a María del Pilar Fernández considerada culpable de dous delitos de homicidio doloso e contra a seguridade viaria polo accidente acontecido en maio de 2019 en Palmeira no que faleceron os dous ocupantes do outro vehículo implicado.

A Audiencia Provincial vén ratificar así o veredicto do xurado popular que considera acreditado que a acusada circulaba a unha velocidade duns 130 km/h nunha vía limitada a 70 e baixo os efectos de alcol e fármacos. Ademais, a sentenza indica que antes do accidente xa circulaba de forma perigosa para os demais usuarios da vía, a velocidade superior á permitida e invadindo o carril contrario.

Os membros do xurado entenderon que actuaba así porque lle resultaba indiferente se desta forma causaba un accidente ou lesionaba a ouros e aseguraron que sabía que era moi probable que se producise un choque frontal se tomaba a curva a esa velocidade e nas condicións en que se atopaba.

A sentenza, que impón a pena máxima solicitada pola acusación particular, non é firme. A acusada dispón dun prazo de dez días hábiles para presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí