Pasan a disposición xudicial Tania Varela e Diana Torres

    CAMBADOS > Continua a actividade frenética nos xulgados de Cambados. Ademais de pasar a disposición xudicial as dúas detidas en relación á última operación de David Pérez Lago, tamén volveron declarar os detidos polo caso do secuestro do empresario de Meaño, José María Cacabelos.

    Os tres detidos polo secuestro de José María Cacabelos, dono de Construcciones Caravel, volveron declarar nos xulgados de Cambados.  Trátase dos veciños de Meaño Diego Roel e Omar Bajo e o vigués Marco Antonio Vázquez. Todos están entre os 22 e 26 anos e foron detidos a principios de abril pola súa suposta relación co secuestro de José María Cacabelos  acontecido o 9 de marzo en Meis. O empresario quedara para ver unha obra cun mozo e ó chegar atopouse con varias persoas que o secuestraron ata que un fillo pagou 120 mil euros para que o liberaran. Os tres volveron hoxe de novo ó cárcere da Lama.

    Por outra banda tamén declararon no xulgado cambadés as dúas mozas detidas pola súa suposta relación co alixo interceptado hai un mes en Corme e no que se detivo a David Pérez Lago. Con él estaría relacionada unha das detidas, a avogada cambadesa Tania Varela, ex directora do Cim. A outra, Diana Torres Caneda é a moza de Ricardo Cores, outro dos detidos en Corme. Ela foi a primeira en abandoa-las dependencias xudiciais. Fíxoo no coche de familiares, polo que parece que quedou en liberdade. Tania Varela sairía despois e faríao nun coche da garda civil. Saíu do xulgado acompañada polo seu avogado e por familiares e amigos que estiveron acompañándoa ó longo de todo o día. A avogada ingresou en prisión.
    Redacción Salnés