O Centro Social de Boiro contará con locais de ensaio para os grupos musicais

    BOIRO > O concello de Boiro será un dos primeiros de Galicia en contar con locais de ensaio habilitados para os grupos musicais. Así o establece o convenio de colaboración asinado entre o executivo local e a Dirección Xeral de Xuventude que ten por obxectivo dinamizar a actividade musical da vila a través deste tipo de instalacións. Os novos locais acondicionaranse na planta baixa do Centro Social que actualmente tan só era utilizados como almacén.

    O director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, desprazouse ata Boiro para materializar esta convenio que comezara a xestarse xa na súa anterior visita hai dous meses. Daquela, o representante autonómico comprometérase a dar resposta ás demandas dos grupos musicais da vila que solicitaban uns locais de ensaio insonorizados e dotados de tódolos equipos precisos para levar a cabo a súa actividade.

    O lugar escollido para o emprazamento destes locais é o soto do centro social que actualmente está a ser utilizado como almacén. Alí contruiranse catro aulas insonorizadas que serán utilizadas polas formacións musicais do municipio e, posteriormente, no caso de que queden horas libres, destinarase tamén ós grupos doutros concellos do Barbanza. O local contará tamén cun espazo común a modo de sala de espera con xogos de mesa, futbolín e billares, que dará servizo ás catro aulas.

    A intención do executivo é que estas instalacións entren en uso no prazo de tres ou catro meses, coincidindo co inicio do novo curso da Escola de Música.

    A habilitación destes locais situará a Boiro á cabeza de Galicia neste tipo de instalacións que se incluirán nunha rede de locais de ensaio en toda a comunidade. Así mesmo, suporá unh importante aportación ó tecido cultural e asociativo da vila.

    Redacción Barbanza