O concello de Boiro salda unha débeda histórica con Martínez López

    homenaxeramonmartinezlopez_100_040407.jpgBOIRO > O executivo boirés nomeou hoxe ó escritor local Ramón Martínez López ‘fillo predilecto’ cando se cumpre o centenario do seu nacemento.

    Os actos na honra de Ramón Martínez López organizados polo concello boirés iniciáronse esta mañá, ás doce, coa celebración na casa do consistorial dun pleno extraordinario. Foi o alcalde, Xosé Deira, o encargado de dar lectura a uha declaración institucional na que se recoñecía a débeda do municipio con este autor, nado un día coma hoxe do ano 1907 no lugar de Cimadevila.

    Os portavoces dos catro grupos políticos con representación na corporación tiveron palabras de eloxio para Ramón Martínez López, que con este recoñecemento pasa a formar parte do elenco de autores relevantes nados neste municipio, como é o caso de Ramón Fernández Mato. No acto tamén participou o escritor David Otero, en representación da Fundación Castelao, unha institución que Martínez López constituíu e da que mesmo foi presidente varios anos.

    O acto no concello rematou coa entrega á filla de Ramón Martínez López por parte do alcalde dun ramo de flores, así como tamén do diploma que declara ó escritor boirés coma “fillo predilecto” de Boiro.

    Amplo programa de actos

    Aínda así o amplo programa de actos en homenaxe a Ramón Martínez López continuou pola tarde no cemiterio de Carril, lugar no que repousan actualmente os seus restos, onde se lle realizou unha ofrenda floral. Posteriormente e xa de novo en Boiro descubriuse na casa da cultura unha placa conmemorativa, para rematar coa presentación dun libro no que se recolle o discurso de entrada de Martínez López na Real Academia Galega e no que interviron entre outros Víctor Freixanes e Xosé Luís Axeitos. A homenaxe a Martínez López terá continuidade o día 14 cun relatorio titulado ‘Ramón Martínez López. Un compromiso político e intelectual’ coa presenza de Xesús Laíño e Avelino Pousa Antelo e o día 21 coa presentación dun libro de Amancio Liñares titulado Ramón Martínez López, no que se recollen datos da vida e obra deste autor.

    Redacción Barbanza