ADEGA denuncia un recheo ilegal nunha zona costeira de Seráns

    PORTO DO SON > A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, vén de denuncia-la realización dun recheo na zona costeira de Seráns, na parroquia sonense de San Pedro de Muro. Os ecoloxistas sinalan que esta obra se está a executar nunha zona de servidume de Costas e cunha especial protección, ó tratarse dun espazo protexido dentro da Rede Natura.

    Segundo os membros do colectivo ecoloxista con esta actuación que se está a producir no lugar de Seráns, no concello de Porto do Son, o expolio da Rede Natura continúa a pesar da suposta protección ambiental da que goza o noso litoral e da Lei de Medidas Urbanísticas Cautelares recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.

    ADEGA considera que este feito é se cadra dunha maior magnitude, ó atoparse en pleno Complexo Húmido de Corrubedo e dentro da zona de protección de costas. A obra en cuestión está a ser realizada á altura da granxa acuícola de Nastos, en Seráns, no concello de Poto do Son, unha área, na que están presentes hábitats de interese europeo, mesmo prioritarios, protexidos pola Diretiva 92/43 da Comunidade Económica Europea. Ademais diso, as obras segundo os membros deste colectivo ecoloxista estanse a desenvolver na liña de servidume de protección de Costas, en chan rústico de especial protección de espazos naturais ó abeiro da Lei 9/2002 do Solo de Galicia, e en zona de especial protección dos valores naturais.

    Por esta razón a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia esíxelle ás distintas administracións con competencias na materia, tanto Xunta de Galicia coma Ministerio de Medio Ambiente un maior control sobre as actuacións que se están a producir na costa e que dunha vez por todas asuman que as leis ambientais tamén son de obrigado cumprimento para todos, incluídos os propios poderes públicos. ADEGA quere saber quen e en que condicións se deron os necesarios permisos para realizar este recheo, e se estas actuacións teñen licenza, como pode entenderse compatible unha modificación radical das condicións naturais dunha área protexida.

    Ademais tamén se preguntan que intereses relativos á mellora da seguridade pública e á saúde humana poden alegarse ou mesmo a que servizo para o uso do dominio público respostan. Dende este colectivo ecoloxista queren saber tamén a que actividades vinculadas directamente coa conservación, utilización e desfrute do meio natural atenden.

    Segundo eles se non se ten permiso, como pode ser posible que nun territorio protexido con especiais cautelas ambientais se produzan con tal frecuencia e impunidade estas actuacións. ADEGA esixe ás administracións que tomen en serio dunha vez por todas a protección e conservación dos espazos naturais, porque é a súa obriga legal e ademais porque o contrario suporía, segundo eles, unha tremenda inxustiza con aqueles veciños e veciñas que teñen propiedades en áreas protexidas.

    Redacción Barbanza