![]()
BOIRO > A sección segunda da sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de declara-la inexecución da sentencia solicitada polos representantes xurídicos da empresa Boirnersa, o que lle dá validez á licenza da planta de coxeneración do grupo conserveiro Jealsa, tanto a correspondente á súa construción como á propia actividade.
O fallo en cuestión é consecuencia do recurso presentado por unha veciña propietaria dunha finca próxima á planta de Boinersa no lugar do Bodión, Blanca González, que se interesaba polo cumprimento do fallo que anulara a autorización inicial.
O proceso remóntase ó ano 2001, cando o mesmo tribunal anulou a licenza provisional coa que comezou a funciona-la planta, ó considerar que o concello boirés non era competente para autoriza-la instalación desta planta nun terreo clasificado coma solo non urbanizable común.
A raíz desta decisión xudicial a empresa tivo que repeti-la tramitación da licenza e atopouse cunha serie de esixencias do actual goberno tripartito, así como un silencio que a Consellería de Medio Ambiente, do anterior goberno da Xunta, chegou mesmo a considerar válido para dar por concedida a autorización. Sen embargo o executivo boirés acabou adoptando dous acordos case consecutivamente que eran practicamente semellantes no que se poñían algunhas condicións para inicia-la actividade, como o cambio de combustible, a corrección de vibracións e outras medidas.
Mentres continuaba o proceso administrativo no propio concello, seguía tamén en marcha o proceso xudicial, con numerosos recursos polas dúas partes.
A decisión do tribunal non é definitiva e o proceso aínda non concluiu, xa que a demandante recurreu en súplica ó tribunal.
Dende o propio concello boirés sinálase que polo de agora non se ten coñecemento do fallo xudicial , polo que non se pode pronunciar dun xeito claro.
Xosé Deira tamén afirmou que non existe ningunha persecución dende o concello cara Jealsa.
Redacción Barbanza









