Os forenses coinciden e sinalan a brida como a arma coa que se estrangulou a Diana

SANTIAGO> Xornada trascendental no xuízo polo crime de Diana Quer. Hoxe declararon tanto os forenses que se encargaron da autopsia da moza madrileña como o segundo equipo que se encargou de revisala. Ambos coinciden en sinalar que Diana morreu estrangulada coa brida que se atopou no seu cabelo. Diferente é a súa postura sobre a agresión sexual: mentres que os primeiros aseguran que non é posible probala nin descartala, os segundos detectaron un edema na zona xenital que podería indicar que si a houbo.

A brida de plástico negra que se atopou enredada no pelo de Diana Quer foi a arma que se empregou para estrangulala. Así o concluíron os forenses que participaron na autopsia do cadáver da moza madrileña, desmontando a versión dada polo Chicle, que asegura que foi accidental.

A fractura do hioides de Diana respalda esta teoría. Segundo os forenses, rompelo de xeito accidental é algo moi complicado.

Os forenses xustificaron que non se atoparan restos biolóxicos na brida pola acción da auga despois de case 500 días somerxida no pozo da nave de Asados. Isto tamén puido influír na ausencia de lesións e mostras xenéticas que indicaran unha posible agresión sexual. Na autopsia non se atoparon evidencias que a demostren nin que a descarten.

Esta mañá declarou un segundo equipo de forenses que se encargou de revisar a primeira autopsia. Eles tamén sinalaron a brida como a arma empregada para estrangular á moza pero, ao contrario que os primeiros profesionais, si viron evidencias de agresión sexual.

Demostrar a agresión sexual sería clave para establecer a condena de José Enrique Abuín, e a diferenza de criterios rematou nun tenso enfrontamento entre os dous equipos de forenses ao final da xornada de hoxe. No que tamén coincidiron foi en sinalar que a postura de pernas abertas na que se atopou o corpo de Diana non ten relevancia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí