Entra en prisión o caseiro que apuñalou a un mozo en Portonovo

    SANXENXO > O dono do edificio Boavista, situado á entrada da vila de Portonovo, entrou no cárcere tras ser detido pola Garda Civil de Sanxenxo no seu propio inmoble, acusado de ser o presunto autor dun apuñalamento a un menor de 17 anos. Parece que os problemas comezaron no mes de abril, cando o propietario quixo botar á inquilina dun dos pisos, co fin de alugalo a un prezo superior durante os meses de verán.

    casasanxenxo_300_060606.jpgO propietario, de 76 anos de idade, contaba xa con 5 denuncias na Garda Civil de Sanxenxo interpostas pola inquilina por cortarlle a luz e a auga, ademais de por ter ameazado á filla. Os feitos tiñan lugar a primeira hora da tarde do pasado venres, cando o mozo se dispoñía a colocar unha porta na vivenda alugada, despois de que o propietario a arrancara o día anterior.

    Os problemas comezaron hai un par de meses, cando o dono do inmoble lle requeriu á inquilina que abandonase a vivenda que tiña alugada dende decembro. O motivo, que quería arrendala a turistas a partir de xuño, incrementando o prezo dos 210 euros actuais a máis de 1000 durante os meses de verán. O desencadeante do apuñalamento parece que foi a rotura da porta, polo que o inquilino deu un prazo de 24 horas para que desocuparan a vivenda.

    Tras interpoñer unha nova denuncia ó dono, os propios axentes da garda civil conectaron a auga e aconsellaron á inquilina que chamara a un electricista e que mercara unha porta. O venres, a muller encargou a porta e pediulle ó menor axuda para colocala. O apuñalado esperaba na vivenda a chegada da inquilina. O propietario, ó comprobar que esa nova dificultade non era suficiente para recuperar o piso alugado, solicitou ó mozo que abandonase o lugar, pero ante a súa negativa, asestoulle varias puñaladas cun coitelo. O propietario do polémico edificio Boavista está, dende o luns, en prisión.

    Redacción Salnés