O PSOE da Pobra acusa ó concello de irregularidades na elaboración do PXOM

    surez_100_060606.jpgPOBRA > Segue a polémica na Pobra do Caramiñal polas restriccións impostas pola Xunta á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O Secretario Xeral en funcións do PSOE, Xosé Manuel Suárez, arremeteu contra o equipo de goberno ó que culpou desta situación que vén a limita-lo desenvolvemento do municipio.

    Xosé Manuel Suárez considera que a elaboración do actual PXOM da Pobra se realizou de xeito irregular e con escaso consenso, de aí a situación que se está a vivir agora coas restriccións impostas pola Xunta, que entre outros aspectos fixa unha franxa de protección costeira en 200 metros. Segundo el a actual Lei do Solo, aprobada polo anterior Goberno Autonómico do Partido Popular, precisa dunha nova reforma.

    Suárez aludiu tamén ás máis de 200 alegacións presentadas polos veciños a este PXOM, moitas das cales foron redactadas coa axuda dos propios membros da agrupación socialista.

    Con respecto a esta problemática tamén se pronunciou o responsable comarcal do PSOE, Blas García, que considera ó goberno local da Pobra como único responsable das consecuencias urbanísticas do PXOM.

    Con estas declaracións sae ó paso das acusacións vertidas contra os socialistas polo alcalde, Isaac Maceiras, nas que culpaba á oposición de frea-lo desenvolvemento urbanísitco do municipio. Neste sentido, o secretario comarcal dos socialistas entende que tras oito anos de goberno do PP, o Plan Xeral xa debería estar aplicado e o feito de non ser así ‘amosa a incapacidade de Maceiras para negociar coas administracións e a falla de sensibilidade coas lexítimas reclamacións veciñais’. Con estas últimas palabras refírese á pugna mantida durante os útlimos anos cos veciños da Tomada, ós que Blas García enviou unha mensaxe tranquilizadora, asegurando en que a ampliación do polígono industrial non conta co visto bo de Política Territorial.

    Redacción Barbanza