Análise do primeiro tramo de temporada futbolística

futbol250_291208.jpgSALNÉS > A competición está parada ata a vindeira fin de semana. Por iso este é un bo momento para facer balance do feito polos equipos do Salnés neste primeiro tramo de temporada.

Semella que se as cousas non cambian moito, para ben ou para mal, os equipos do Salnés na Terceira este ano xogarán por non pasar apuros, por quedarse na zona tranquila da táboa.

Ata o de agora o que máis puntos suma é o Céltiga, instalado a dúas xornadas para o remate da primeira volta no 10º posto da xeral, con 23 puntos. Despois da campaña pasada na que houbo que sufrir ata o final, este ano as cousas vense doutra maneira na Illa, e boa parte de culpa tena o técnico Josiño Abalde, que pronto imprimíulle o seu selo ó equipo, que xoga moi ordenado e cun gran sacrificio colectivo en defensa.

Pese a todo, o sabor que deixa na boca este primeiro tramo de temporada, é agridoce: 6 puntos sumados dos últimos 24 en xogo e tan só catro goles neses oito partidos, separaron nas últimas semanas ó equipo da zona nobre na que se instalara ó inicio. As numerosas baixas están a mermar ó equipo, carente de pegada arriba. O nivel que poidan amosar na segunda volta os homes importantes, como Kelvin, o xoven talento Diego Peláez ou o recén chegado Taja, marcarán os obxectivos do Céltiga este ano.

Por detrás, no 12º posto, con 21 puntos, atópase o Vilalonga. Irregular é o calificativo que máis se achega a describir a traxectoria dos celestes. Capaces do mellor, gañaron ó Santa Comba a domicilio cando os de Gelucho eran líderes, e do peor, xa que perderon ante rivais teóricamente inferiores como Gran Peña e Somozas.

A profundidade de banquiño é un dos grandes debes dun equipo no que se nota cando non están as vacas sagradas. Recuperados Quito e Machu e a piques de voltar Luismi, agárdase que a segunda volta poida ser máis fructífera. Do mellorciño, a incursión dunha das revelacións da Liga, o vilagarcián Pablo Pillado, ó que pronto se lle quedara pequena a Terceira.

O Portonovo pola súa banda vai camiño de facer algo moi similar ó do ano pasado. O obxectivo volve a ser a salvación, aínda que nas últimas semanas Milucho está a conseguir que o equipo sexa un rival duro de batir, e así o reflicte a única derrota ante o Compostela nos últimos oito partidos. Tras un mal inicio, fixéronse fortes en Baltar algo que semella clave para non pasar apuros ó final de temporada.

Ó que peor lle van as cousas arestora é ó Arousa, 16º cos mesmos puntos que o Somozas, que ocupa praza de descenso. Os de Laxes comezaron moi mal, recuperáronse e fixeron mes e medio de auténtico ensoño, para volver a caer na mediocridade.

A defensa é o talón de Aquiles deste equipo que sufríu tamén nas súas carnes a mala sorte das lesións e de dúas baixas importantes na zaga coas marchas de Dani Conde e Jesús. Se son quen de solventar estes problemas viranse arriba, porque a calidade dos seus homes no ataque é incuestionable, con Padín e Fernando ó mando e atravesando ambos por un bo momento de xogo.

Redacción Salnés