![]()
Despois de mes e medio de pretemporada, comeza a competición de verdade para o Extrugasa. O equipo que volve a dirixir Tito Díaz terá de novo na permanencia o seu gran obxectivo.
O plantel que se formou este ano é unha mistura de xuventude e veteranía. Seis xogadoras novas desembarcaron en Fontecarmoa, tres delas para reforzar o xogo interior: a eslovaca Romana Vinuchalova e as americanas Demetress Adams e Mandisa Stevensson. Todas elas sitúanse por enriba do 1,90 e teñen entre as súas virtudes a velocidade e a mobilidade.
E é que Tito Díaz xa amosou nos encontros preparatorios que pese a cambiar as fichas, o estilo será o mesmo: o colectivo por enriba do individual, a exixencia defensiva e o contraataque como armas.
A expericiencia chegou da man da base Begoña García e da aleiro Marta Blanes, xogadoras de longo percorrido na liga e que lle darán ó bloque un plus de veteranía.
Ylenia Manzanares, Montse Gilabert e Critstina Souza son as únicas que continúan das que acadaron o ascenso. O seu compromiso co equipo e o espíritu competitivo que lles caracteriza, fainas pezas fundamentais para Tito Díaz.
A xoven Salomé García, procedente do Ros Casares, completará o plantel xunto ás xuvenís Alejandra Carballa, Amy e Desy Martínez.
As boas sensacións que deixou o equipo na pretemporada nos partidos ante o Celta, convidan ó afeccionado a sentirse optimista. Con todo, o inicio ligueiro non será sinxelo, comezando pola visita a un potente Uni Girona para logo recibir o mércores en Fontecarmoa ó campión Ros Casares.
A preparación física será tamén un aspecto importante neste inicio ligueiro no que se xogarán ata seis partidos en apenas vinte días.
Redacción Salnés






