![]()
BOIRO > O vindeiro domingo 9 de xullo ó mediodía vai ter lugar no porto de Cabo de Cruz a quinta edición da Festa de Exaltación do Mexillón. Ese día está prevista a visita á localidade da Vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega que será a encargada de inaugurar esta cita gastronómica.
Cabo de Cruz será de novo o vindeiro domingo 9 de xullo a capital do mexillón. Ese mesmo día celebrarase a quinta edición da Festa de Exaltación deste produto, un dos máis característicos da nosa ría. Nesta cita gastronómica, como en anos anteriores, colaborarán practicamente tódalas asociacións de mexilloeiros do municipio: A Boirense, Cabo de Cruz, Amebarraña e Opmegal, e á colaboración do concello de Boiro e a Deputación Provincial da Coruña.
A degustación do produto realizarase na propia explanada portuaria, na que se instalará unha gran carpa. Ó natural, á vinagreta ou en escabeche serán algunhas das especialidades que poderán proba-las persoas que se acheguen ata Cabo de Cruz ese día.
Como novidade este ano a organización desta festa pretende implicar tamén á hostelería de Boiro co fin de que durante as festas poñan de tapa nos seus locais tapas elaboradas con mexillón. Ademais tamén lle reclamaron ós empresarios do sector que inclúan tamén nas súas cartas este produto que pasa por ser unha das enseñas da ría de Arousa.
Redacción Barbanza









