O IGVS plantexa un polígono supramunicipal entre A Pobra e Ribeira

    RIBEIRA > O director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, mantivo unha reunión coa Asociación de Empresarios de Ribeira para analizar as necesidades de chan empresarial existentes na comarca. No transcurso da xuntanza, o responsable autonómico expuxo a viabilidade de creación dun polígono supramunicipal entre os concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

    A directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira plantexoulle ó director Xeral do IGVS, Daniel Pino, e ó delegado da Consellería de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas, a urxente necesidade de dotar de chan industrial ó municipio de Ribeira.

    Ó encontro asistiron arredor de trinta empresarios da zona que evidenciaron a demanda dos axentes económicos ós que iría destinado este espazo. A asociación ribeiresa plantexou a zona adxacente ó actual polígono de Xarás como a máis axeitada para acometer o incremento de chan productivo.Entre as razóns figura a concentración da actividade industrial reducindo o impacto mediambiental e a facilidade para a prestación de servizos comúns ás empresas.

    O director xeral, Daniel Pino, expuxo as liñas principais do proxecto do polígono supramunicipal entre os concellos da Pobra e Ribeira, que actualmente se atopa en fase de estudo. Trataríase dun espazo dun millón de metros cadrados que, ademais de atender a demanda local, atraería o interese doutro tipo de empresas dedicadas á transformación de productos, almacenaxe ou loxística.

    O director xeral comprometeuse a presenta-lo proxecto, unha vez concretado, á toda a sociedade de Ribeira posto que a actuación non afectaría soamente ó sector empresarial. En canto ós prazos, Daniel Pino barallou a data de mediados de 2007 para o comezo das obras.

    Redacción Barbanza