Os hostaleiros boireses rexeitan a instalación de sonómetros nos seus locais

    BOIRO > A movida nocturna en Boiro segue a ser motivo de discrepancias entre o goberno local e hostaleiros. Se ben todos comparten a necesidade de minimiza-las molestias para os veciños, o sector non acepta algunhas das medidas contempladas polo executivo na ordenanza aprobada recentemente. Concretamente, os propietarios dos locais opóñense á instalación de sonómetros que inclúen dispositivos de control.

    bar_200_090606.jpgMentres os representantes do sector hostaleiro xa anunciaron a presentación de alegacións á ordenanza, o goberno local segue a buscar unha fórmula que conxugue os intereses de todos. A oposición dos propietarios dos establecementos nocturnos non vén motivada tanto pola instalación de limitadores de son senón polos dispositivos de control que levan incorporados. Estes estarían conectados a unha central de sinais unicada na Policía Local que permititría detectar calquera movemento no interior do local.

    Os hostaleiros consideran que esta medida vulnera o seu dereito á intimidade polo que tentarán que a súa obirgatoriedade sexa eliminada da ordenanza. Dende o tripartito, lémbrase que este sistema é perfectamente legal polo que os hostaleiros non deberían temer que se produza ningunha intromisión no seu traballo.bar2_200_090606.jpg

    O colectivo hostaleiro opta por outro tipo de medidas menos drásticas como a instalación de cámaras de vixilancia nas rúas conectadas coa base da Policía Local. Así mesmo comparte co executivo a necesidade de incrementa-la vixilancia para cumpri-los horarios de peche e o límite de ruído. Nesta liña ten pensado seguir traballando o goberno municipal para acadar un consenso que permita o desenvolvemento desta actividade sen ocasionar molestias maiores ós veciños.

    Redacción Barbanza