Demandan máis persoal de seguridade no hospital do Barbanza tralo aumento de agresións a sanitarios

RIBEIRA> Traballadores do hospital do Barbanza concentráronse ás portas do centro comarcal para reclamar a incorporación de máis persoal de seguridade. Na actualidade, conta tan só cun garda por quenda.

Os dous últimos episodios violentos acontecidos no hospìtal do Barbanza, un hai tan só dez días, poñen de manifesto a necesidade de incrementar a seguridade no centro.

Dende a comisión de centro denuncian que dende que o hospital abriu as súas portas, hai 27 anos, non se ten ampliado o servizo contando unicamente cun garda por quenda para todo o hospital.A empresa que presta o servizo ten vixente a concesión ata 2027 polo que non se pode ampliar ata o fin do contrato.

Ante o incremento da violencia nos centros sanitarios dende o SERGAS están a promover cursos de formación e un sistema informático para actuar ante posibles ameazas. Medidas beneficiosas pero que consideran insuficientes.