MUROS> O executivo muradán vén de substituír un total de 131 puntos de luz do viario municipal. A actuación permitiralle ó Concello poder aforrar uns tres mil euros anuais.
En total substituíronse uns 131 puntos de luz, 62 en Louro, 47 en Serres e 22 en Abelleira. As primeiras actuacións leváronse a cabo no alumeado público por seren os puntos de luz de maior potencia e, polo tanto, de maior gasto, cambiándose as luminarias de vapor de sodio por uns modernos leds. A medida permitiralle ó Concello poder aforrar uns tres mil euros anuais, ó que hai que engadir un aforro considerable no mantemento, xa que as luminarias led teñen máis vida útil e non supoñen tampouco unha baixa na calidade cromática, todo o contrario, xa que melloran a luminosidade e visibilidade das antigas lámpadas. A alcaldesa, María Xosé Alfonso, sinalou que a intención do Concello é continuar con este tipo de intervencións no resto do alumeado público do municipio así como tamén nos edificios públicos. Neste sentido aludiu a que xa se fixo o cambio a focos led no muíño de marea Pozo do Cachón e se está facendo pouco a pouco nos centros de ensino do municipio.