Firmado o protocolo para protexer as víctimas de violencia de xénero

    SANXENXO > Protección das víctimas de violencia de xénero e seguridade vial foron os principais asuntos tratados esta mañá na Xunta Local de Seguridade en Sanxenxo. Na reunión aprobouse o protocolo de colaboración para a protección dos 17 casos de violencia de xénero vixentes no municipio.

    En Sanxenxo hai actualmente unhas 17 ordes de protección vixentes para víctimas de violencia doméstica e de xénero. O dato deuse a coñecer hoxe durante a reunión da Xunta Local de Seguridade, que estivo presidida polo subdelegado do goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, e polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. Un dos acordos acadados foi a aprobación do protocolo de colaboración e coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local para a protección destas persoas.

    Na xuntanza tamén se falou de seguridade vial e ratificouse o acordo de delimitación de competencias sancionadoras no termo municipal. A Policía Local de Sanxenxo poderá denunciar en tódalas vías sexan da competencia que sexan, pero ademais poderá sancionar en 4 tramos máis: nas estradas Cambados – A Lanzada, Poio – A Lanzada, Sanxenxo – Vilalonga, e Portonovo – A Vichona. Segundo sinalou o alcalde, Telmo Martín, Sanxenxo disporá nestes catro meses de verán de 59 policías locais, 34 máis que no resto do ano. O Cuartel da Garda Civil tamén aumentará efectivos, a partir do xoves incorporaranse 7 axentes, que se engaden ós 20 que hai todo o ano.

    Redacción Salnés