Ilusión e incerteza entre as praceiras de Vilaxoán polo novo proxecto de reforma da Praza de Abastos

VILAXOÁN> Ilusión e incerteza entre as praceiras de Vilaxoán polo novo proxecto para reformar a praza de abastos. As traballadoras sinalan a importancia desta intervención para arranxar as numerosas deficiencias que ten a instalación. Aínda que advirten que por agora descoñecen como afectará aos seus negocios.

O concello de Vilagarcía dará resposta a unha vella demanda de Vilaxoán e especialmente das súas praceiras, a reforma da praza de abastos. O goberno local anunciou que investirá 200 mil euros na renovación da instalación e avanzou algúns detalles do proxecto. As praceiras consideran moi necesaria esta intervención.

Segundo o proxecto presentado polo concello, a intervención afectará especialmente aos tres negocios que sobreviven na praza: Á froitaría aumentará a súa cámara frigorífica, a carnicería contará cun taller e os postos de peixe será máis amplos.

Ademais das melloras nos negocios, o proxecto tamén renovará as instalacións eléctricas e de fontanería do edificio, eliminará postos baleiros para crear unha praza máis ampla, cómoda e accesible, e se reformará toda a fachada exterior para sinalizar a localización da praza. O que non inclúe o proxecto é a demanda dunha porta cara o parque de Doña Concha.

A última das actuacións do proxecto contempla a reforma da zona central, creando un espazo aberto no que poder instalar postos móbiles, abrindo a posibilidade de crear na praza eventos gastronómicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí