O bipartito non apoia as axudas ós mariscadores afectados polo temporal

    SALNÉS > PSOE e BNG rexeitaron este martes no Parlamento unha iniciativa do PP para habilitar un crédito extraordinario destinado ós máis de 3.000 mariscadores afectados polos temporais de marzo. Segundo lembran os populares, isto provocou unha elevada mortalidade do marisco como consecuencia do descenso da salinidade nos areais.

    A proposta dos populares galegos pretendía unha implicación directa da Xunta para contribuír a paliar os afectos adversos do temporal. O PP cuantificou as perdas en varios millóns de euros e instou á Xunta a contemplar non só as perdas actuais, senón tamén as futuras. Segundo advertiron os técnicos contratados polas propias confrarías, a actividade extractiva verase afectada durante os próximos 2 anos.

    Os datos aportados polo PP indican que o brusco descenso da salinidade nos areais saldouse cunha mortalidade de entre o 80 e o 90% do berberecho, máis do 45% da ameixa fina e xaponesa e arredor do 75% da ameixa babosa, aínda que tamén se viron afectados os cultivos de navalla e mexillón. A máis afectada polo temporal, segundo os populares, foi a franxa litoral comprendida entre Camariñas e Redondela, e sitúan a zona cero do desastre nas rías de Arousa, Muros e Noia. Tomando datos da Federación Galega de Confrarías cifran en 3.000 o número de mariscadores afectados.

    Estes datos xustifican, a xuízo do Grupo Popular, a necesidade de que se habiliten con urxencia axudas para asegurar a supervivencia económica dos mariscadores mentres non se recupere o recurso afectado, para mercar semente coa que rexenerar as praias e para as propias confrarías, que tiveron que enfrontar a catástrofe en solitario.

    Redacción Salnés