Detido un policía do Grove vinculado a unha rede de pornografía infantil

    O GROVE> Un policía local do Grove foi detido nas últimas horas pola súa suposta vinculación cunha rede de pornografía infantil.

    A Garda Civil iniciou en Ciudad Real esta operación contra a pornografía infantil, na que se vincula ó axente grovense detido, aínda que a rede ten ramificacións en diversos puntos de España.

    O xulgado de Cambados ditou a orde de arresto do policía no seu domicilio particular de Sanxenxo, onde a Garda Civil levou a cabo un minucioso rexistro. Posteriormente, os axentes trasladáronse ó cuartel da Policía Local de O Grove onde interviñeron o ordenador que utiliza.

    Desde o Concello meco, o edil de Seguridade Cidadá, Alfredo Bea, indicou que o axente, duns 43 anos de idade, ‘tivo ata agora un comportamento intachable no cumprimento das súas funcións’.

    Redacción Salnés