VILANOVA> O Día da Nai tampouco pasará de longo para o comercio de Vilanova. A asociación Vilanova Centro tamén recorrerá ás redes sociais para esta convocatoria, animando a persoas de todas as idades a felicitar a aquelas que as coidan cada día. Unha iniciativa coa que pretenden animar o confinamento dos veciños, e reforzar o seu papel como dinamizadores da vida da vila.
Este vídeo é co que Vilanova Centro nos recorda a todos que este domingo é o Día da Nai. Os comerciantes vilanoveses animan aos seus veciños a celebralo a pesares do confinamento.
A campaña vai dirixida a persoas de todas as idades. Os que queiran poderán botar man do seu talento para felicitar o día a quen os coida a diario. Despois deberán compartilo nas redes sociais.
O gañador recibirá un cheque de 80 euros divididos en dous vales de 40 para gastar no comercio asociado a Vilanova Centro. Iso si, terá que agardar a que todos volvan estar abertos.
Ester Prado confesa que encaran a desescalada con incertidume. As normas a seguir para volver á actividade, a flexibilidade dos ERTES… son algunhas das cuestións que aínda se teñen que concretar para que o pequeno comercio poida levantar a persiana con garantías.