Medio Rural destina 154 mil euros á pavimentación de camiños na Pobra

    POBRA > O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, vén de asinar o convenio de cooperación entre a Consellería de Medio Rural e o concello para a realización de obras en diversos núcleos do municipio. As actuacións previstas, que suporán un investimento total de 154 mil euros, consisten na pavimentación de camiños rurais.

    camiosrurais_200_130606.jpgO proxecto de mellora de pistas do medio rural, que foi aprobado no pleno do pasado 30 de marzo, inclúe actuacións no camiño do Outeiro, Cabío-Areos, Río Morto, acceso ás pistas polideportivas de Ponte Barbanza, camiño de Pontebarbanza-Ruso-Petón de Sisto, Sende, Freán, Ouxo-Vilariño, acceso a Quintáns, A Figueira-Camiño Ancho-Pontenaveira, Gándara e Lesón.

    Con estas obras de pavimentación e acondicionamento das vías, que ascenden a 154 mil euros financiados integramente pola Consellería de Medio Rural, preténdese dotar ás parroquias do concello de servizos básicos mellorando as comunicacións.

    O alcalde anunciou que as obras darán comezo de inmediato. Actualmente xa está a traballar unha brigada municipal na limpeza de camiños e mañá mesmo incorporarase outra cunha máquina desbrozadora para eliminar a abundante maleza e acondiciona-lo entorno.

    No transcurso da sinatura do convenio, a delegada provincial de Medio Rural, Olga García Agra, anunciou que o próximo ano establecerase un novo convenio de colaboración por un importe de 157 mil euros. Esta contía destinarase tamén integramente á mellora dos camiños rurais. A intención do concello é comezar en setembro a deseñar os proxectos previstos para o próximo ano.
    Redacción Barbanza