O executivo ribeirés buscará o consenso para acometer a ampliación de Xarás

    RIBEIRA > O executivo ribeirés manterá a súa aposta pola ampliación do polígono industrial a pesar da oposición do BNG. A intención do goberno local é establecer un diálogo cos veciños afectados na busca dun consenso que permita o desenvolvemento industrial sen prexuízo para os habitantes da zona.

    O executivo municipal amosou a súa sorpresa ante as críticas vertidas polo grupo nacionalista en referencia á ampliación de Xarás posto que esta formación política sempre apostou pola creación de chan industrial en Ribeira. A pesar da súa oposición, o goberno local seguirá adiante co proxecto, con independecia de que a Xunta de Galicia desenvolva un polígono comarcal xa que entenden que se trataría dun proxecto a longo prazo e que tería a súa área de influencia na Pobra posto que estaría localizado nas inmediacións da Tomada.xars_200_130606.jpg

    O concelleiro de Industria, Antonio Teira, tranquilizou ós veciños argumentando que se buscarán acordos cos propietarios afectados e só se chegaría á expropiación como última vía. Ademais indicou que dos 153 mil metros cadrados precisos para a ampliación, preto de cen mil son de titularidade pública. Incidiu ademais en que a calidade de vida dos veciños non se verá afectada posto que a zona de Salmón, en Oleiros, estaría destinada a naves de servizos e almacéns.

    Por todos estes motivos, Teira considera que a oposición do BNG ó proxecto amosa unha ‘total incoherencia política’ que responde a intereses electoralistas. Así mesmo, acusa ós nacionalistas de tratar de crispar ós veciños enganando á opinión pública.

    O edil sostén que os nacionalistas apoiaron o planeamento urbanístico que contemplaba a ampliación polo que non entenden esta repentina oposición. Trala aprobación do proxecto na xunta de portavoces, foi exposto ós representantes empresariais e agora será consensuado cos veciños afectados.

    Redacción Barbanza