Absolto o alcalde de Porto do Son dun delito de prevaricación pola contratación dunha arquitecta técnica

PORTO DO SON> Absolto o alcalde de Porto do Son dun presunto delito de prevaricación. A audiencia Provincial considera que a contratación dunha arquitecta técnica realizouse para aliviar a situación de colapso en que se atopaba o departamento de Urbanismo, tal e como aconsellaron os técnicos municipais.

A Audiencia Provincial da Coruña absolveu ó alcalde de Porto do Son por un presunto delito de prevaricación ó contratar unha arquitecta técnica. A sentenza establece que tras tomar posesión no 2011, Luís Oujo atopouse cunha situación de colapso no departamento de Urbanismo que levaba catro anos cunha única arquitecta. Tanto esta profesional como os técnicos municipais informaron ó alcalde da urxente necesidade de contratar a un arquitecto técnico co fin de poder despachar os expedientes nos prazos establecidos.

Segundo recolle a resolución do tribunal, tras realizar consultas cos funcionarios, Secretaría e Intervención e baixo a supervisión da concelleira de Facenda, solicitáronse currículos e realizáronse entrevistas seguindo un proceso de selección que culminou coa contratación dunha persoa descoñecida para o inculpado. Unha práctica habitual no concello posto que o 69 por cento dos contratos estaban na mesma tesitura de posible relación laboral encuberta.

Durante a vixencia do contrato, Intervención formulou reparos baseados en que as competencias encomendadas eran propias de funcionarios públicos e por límites temporais. O fallo establece que non pasan de simples irregularidades habituais nese estadio administrativo, enmarcadas nun contexto específico,. Tamén reflicte reflicte que o rexedor ponderou o alto rendemento da arquitecta técnica e a ostensible melloría do departamento. A sentenza non é firme e cabe recurso ante o TSXG.