Xaime Bello supervisa as obras de construcción do centro da Asociación ‘Amicos’

    RIBEIRA > O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xaime Bello, estivo esta tarde na parroquia ribeiresa de Oleiros para visitar as obras de construcción do centro de día da Asociación ‘Amicos’. O representante provincial puido comprobar ‘in situ’ o desenvolvemento destas obras para as que a entidade achegou máis de 100 mil euros.

    Xaime Bello estivo acompañado da presidenta da Área de Benestar Social do goberno provincial, Margarida Vázquez, pola presidenta da asociación ‘Amicos’, Esther Vidal e por outras autoridades como o alcade de Boiro e o de Ribeira. Durante a súa visita o representante provincial fixo un percorrido polas instalacións do centro de día da asociación para comprobar o ritmo das obras de ampliación e se se están a cumprir os prazos establecidos no proxecto inicial. Recentemente comezaron xa os traballos da segunda fase, centrados en acondicionar a primeira planta e o baixo cuberta e é probable que as obras estén rematadas, tal e como se acordara, en marzo do 2007. 

    A Deputación da Coruña, a través da súa área de Benestar Social, cofinancia este proxecto de ampliación do centro de día coa aportación de case 112 mil euros, dos cales uns 7.000 están destinados a subvencionar a posta en marcha do transporte adaptado para as persoas que necesiten desprazarse ata as instalacións. Unha vez rematadas as obras este novo centro comarcal contará con obradoiros ocupacionais e aulas de formación nas que se poderá atender a un total de 80 persoas con discapacidade.

    Redacción Ribeira