Concello de Rianxo e SEA avanzan na promoción do polígono de Te para atraer novas empresas

RIANXO> O polígono de Te segue a espertar o interese dos empresarios de toda a comarca. A xerente de SEA e o alcalde de Rianxo mantiveron esta mañá unha nova xuntanza para avanzar na promoción do parque que ofrece interesantes vantaxes para as firmas interesadas.

A inminente compra dunha nova parcela no polígono rianxeiro de Té sitúa a ocupación do polígono por riba do cincuenta por cento. Nesta liña, Suelo Empresarial do Atlántico e o concello de Rianxo seguen a deseñar estratexias de promoción para atraer novo empresariado que decida asentarse neste parque, emprazado estratexicamente e con tódolos servizos en funcionamento.

Na actualidade conta xa con dezaseis firmas asentadas que se verán incrementadas na próxima semana trala compra de dúás parcelas neste mes. O concello de Rianxo ofrece ademais certas bonificacións municipais contempladas no marco da rede de concellos emprendedores.

Concello e SEA non descartan tampouco estudar outras fórmulas como a proposta pola asociación de empresarios para poñer en marcha un sistema de alugueiro de naves no polígono de Té. Están tamén en estudo outras propostas como o alugueiro de solo empresarial ou a posibilidade de segregar parcelas, naquelas de maior superficie.