Noia volve demandar o desdobramento do corredor a Brión

    NOIA> A inclusión do corredor Brión Noia no listado de vías perigosas elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico volve poñer sobre a mesa a necesidade do seu desdobramento en autovía. O executivo local demanda responsabilidade política á Xunta para retomar un proxecto que xa conta coa fase das expropiacións rematada. Non se trata dunha demanda nova senón que xa hai anos que o concello de Noia vén reclamando a conversión do corredor ata Brión en autovía. Esta estrada naceu xa con vistas ó seu futuro desdobramento e durante o goberno bipartito da Xunta iniciouse o proxecto, quedando rematada a fase de expropiacións. Trátase, segundo o voceiro do goberno noiés, dunha cuestión de vontade política para darlle o pulo definitivo a esta actuación coa habilitación dunha partida orzamentaria. O informe da DXT non fai máis que confirmar o que os noieses levan anos denunciando dada a perigosidade desta vía que xa se ten cobrado máis dunha vítima mortal.