O concello ribeirés estuda ampliar os obradoiros de Educación en Valores

    RIBEIRA > O programa Educación en Valores posto en marcha polo concello de Ribeira en distintos centros do municipio concluíu cun balance moi satisfactorio tanto por parte dos orientadores como dos propios alumnos. O éxito foi tal que os departamentos de Educación e Servizos Sociais estudan amplia-lo número de horas dedicadas ós obradoiros para o próximo ano.

    Un total de 630 alumnos, procedentes dos institutos Leliadoura, Número 1 e Coroso e dos colexios Galaxia e Sagrado Corazón, participaron nesta iniciativa que ten por obxectivo a promoción de valores sociais no ámbito educativo. O programa incluíu a realización de tres obradoiros: un de habilidades sociais, no que se aborda o proceso comunicativo dende a escoita activa; outro de resolución de conflitos dende os diversos punto de vista e os modos de canaliza-las situacións conflitivas e un obradoiro afectivo-sexual encamiñado a erradicar os prexuízos existentes en torno á sexualidade.

    Segundo os datos das enquisas realizadas nos distintos centros, o resultado destes talleres foi altamente positivo posto que o colectivo ó que ía dirixido, adolescentes de primeiro e segundo ESO, é un gran demandante deste tipo de información.

    O aspecto negativo refírese ó escaso número de hora dedicadas a esta actividade. Tanto os formadores de Xeneme Intervención Social como os alumnos e profesores destacaron a necesidade de amplía-lo tempo para o desenvolvemento dos obradoiros. Con este obxectivo, o concello estuda implicar ás ANPAS na financiación do programa nos vindeiros anos.

    Redacción Barbanza