Serra do Barbanza fixa como prioridade manter os postos de traballo na planta de Servia

NOIA> Os concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza seguen a traballar na busca dunha solución alternativa que garanta a continuidade da planta de Servia. Na próxima reunión da xunta directiva abordarase os futuros usos da instalación que poderían pasar pola xestión de residuos da construción ou dos puntos limpos.

A prioridade para os concellos que integran a Mancomunidade Serra do Barbanza é garantir a continuidade da planta de Servia. A curto prazo apostan por redimensionar as instalacións en función do número dos concellos ós que seguirá a prestar servizo, posto que algúns municipios xa manifestaron a súa vontade de non seguir adheridos.

No que respecta ó futuro, a Mancomunidade está a estudar as posibles actividades que pode acoller a planta, como a reciclaxe dos residuos dos puntos limpos ou procedentes da construción, co obxectivo de diversificar o modelo de xestión a e manter o maior número de postos de traballo posibles.

Todos estes aspectos abordaranse na futura reunión da xunta directiva e na asemblea, ademais dos detalles do plan de pagamento da Mancomunidade a FCC definindo ás cotas a aboar por cada un dos concellos.