LOUSAME> Foi unha festa por todo o alto, á que asistiron a práctica totalidade dos participantes nos talleres de memoria que se desenvolven nas distintas parroquias do Concello, todos eles maiores de 60 anos.
A clausura dos obradoiros de memoria tivo este ano unha celebración especial, xa que se cumpren vinte anos dende que comezaron a organizarse.
O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que destacou a importancia deste tipo de talleres que buscan mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.
Durante a clausura da actividade, os participantes tiveron tempo de dar lectura a varios poemas de temática libre nos que falaban de todo e interpretar tamén unha peza musical elaborada tamén por eles mesmos.
Como é costume o acto rematou coa tradicional entrega de diplomas e unha merenda para tódolos asistentes.