Malestar en Cabo de Cruz ante un novo vertido

    vertido1_100_150606.jpgBOIRO > Os veciños de Cabo de Cruz en Boiro amósanse indignados por un novo vertido que vén de producirse na zona portuaria, nas proximidades do peirao vello. Segundo eles non se trata dun feito puntual senón que se repite de xeito bastante habitual.

    A Asociación de Veciños ‘A Unión’ vén tamén de denunciar esta situación que se leva producindo dende hai uns días. A pesar de efectua-la correspondente denuncia, o concello polo de agora aínda non lle buscou unha solución.

    Dende ‘A Unión’ alúdese tamén ás graves consecuencias que este tipo de vertidos pode producir nos sectores económicos da localidade e que dependen en boa medida do mar como son o pesqueiro e o marisqueiro. O colectivo veciñal culpa desta situación ó mal funcionamento da depuradora municipal.vertido2_200_150606.jpg

    Por esta razón dende o colectivo veciñal volven a solicitarlle ó executivo, como xa fixeran en máis dunha ocasión, o peche da actual depuradora  e a construción dunha nova, máis moderna e que veña a solucionar dunha vez por todas este grave problema medioambiental.

    O concelleiro de Vías, Obras e Servizos de Boiro, Xoán Xesús Ares, explicou as causas que provocaron o vertido en Cabo de Cruz. Segundo el debido a un fallo nunha das bombas nun dos pozos de rexistro, concretamente no da zona do Subuqueiro, a consecuencia das tormentas dos últimos días.

    vertido3_200_150606.jpgO edil boirés, que pediu desculpas ós veciños por este problema, sinalou que o executivo está estudando a posibilidade de instalar un dispositivo co fin de detectar no futuro este tipo de fallos no funcionamento e tratará de manter en breve unha xuntanza cos responsables da empresa Espina e Delfín, concesionaria do servizo de auga e saneamento. Ares González respostou tamén á reclamación realizada pola Unión respecto á construción dunha nova depuradora en Cabo de Cruz sinalando que a capacidade que recibe actualmente a instalación non era o motivo deste vertido.

    Redacción Barbanza