Cinco institucións europeas participan en Ribeira nun proxecto cultural

    grundtvig_100_160606.jpgRIBEIRA > O IES Número 1 de Ribeira foi elixido como anfitrión para a reunión final do Proxecto Europeo de Educación de Adultos Grundtvig financiado pola Unión Europea. Os participantes, procedentes de cinco institucións de Reino Unido, Italia e Grecia déronse cita no Hotel Río Azor de Ribeira para realizar unha posta en común dos traballos realizados por cada grupo.

    A sala de reunións do Hotel Río Azor adquiru un toque máis internacional que de costume coa chegada dos participantes no proxecto Grundtvig. Baixo o lema ‘Unha viaxe ás raíces de Europa. Compartindo cultura coas novas tecnoloxías’ esta iniciativa pretende fomenta-la interculturalidade a través da difusión da historia e tradición das distintas rexións participantes.

    No proxecto, dirixido a institucións europeas que realizan programas de formación para adultos, participaron o Swarthmore Centre de Leeds, no Reino Unido, o Northumberland College, de Ashington, tamén no Reino Unido, o Ekpaldefiria Kaloskami de Atenas, o Technopress de Roma e o IES Número 1 de Ribeira, que exerceu como anfitrión desta reunión final que serve como clausura do programa.

    O traballo do equipo ribeirés, integrado por alumnos de entre 16 e 60 anos, centrouse este ano nunha comparativa do municipio dende hai cen anos ata hoxe en día, con motivo da celebración do centenario de Ribeira como cidade. A proposta inclúe os principais aspectos históricos, culturais e tradicionais de toda a comarca do Barbanza.

    Os participantes no programa permanecerán toda a fin de semana en Ribeira, durante a cal poderán visitar ‘in situ’ moitos dos atractivos turísticos e patrimoniais que se reseñan no traballo elaborado polos alumnos ribeireses. Entre outras, está prevista unha excursión pola Ría de Arousa así como una visita á Curota, o Castro de Baroña, Santiago e un percorrido pola ría de Noia.

    Redacción Barbanza