O BNG expedientará ós nacionalistas sonenses por non respecta-lo pacto

    sesioninvestiduraportodoson_100_180607.jpgPORTO DO SON > Finalmente o candidato do PP, Manuel Tomé, ocupará a alcaldía do Son ó non prospera-lo pacto entre PSOE e BNG.

    Gran expectación mediática a vivida este sábado ó mediodía no concello de Porto do Son. Ademais dos numerosos medios de comunicación que se achegaron ata o salón de plenos deste municipio para recoller toda a información que alí se daba, a sala estivo ateigada de veciños que non quixeron perderse tampouco o que alí podía acontecer.

    Ó final non houbo sorpresas e como xa se viña anunciando nas últimas semanas non houbo acordo entre o PSOE e o BNG. Estes últimos decidiron ser consecuentes coa súa postura inicial de non apoiar a Quintáns e romperon o pacto establecido entre as dúas formacións a nivel autonómico. Por riba de todo estivo a coherencia e o feito de non apoiar a un candidato, neste caso o anterior alcalde, Ramón Quintáns, pola súa mala xestión á fronte do concello, fieis a uns ideais e uns compromisos que os concelleiros do BNG sonense adquiriran co seu electorado e por extensión coa maioría dos veciños do Son. 

    Apertura de expediente

    A decisión tomada polos nacionalistas sonenses non foi sinxela e de seguro poderá traer consecuencias, pois provocou ademais que a executiva nacional do BNG anunciara xa a apertura dun expediente con proposta de expulsión para os edís. Pero facémonos a pregunta, que será mellor apoiar por imposición da executiva de partido a un candidato co que claramente non están dacordo e cuxa xestión nos últimos anos foi para eles deficiente, ou ser coherente cos seus principios e manterse fieis a uns principios de base, pouco habituais hoxe en día en política.

    Esta circunstanca provocou que Manuel Tomé fora investido como novo alcalde de Porto do Son, gobernando en minoría os vindeiros catro anos, con tan só seis dos 17 concelleiros dos que consta a corporación. No seu discurso de investidura agradeceu o apoio e a confianza dos veciños, anunciando qe traballará arreo na defensa dos intereses do municipio.

    Redacción Barbanza