Fernández Gayoso recibe a medalla de ouro da Cámara de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > O director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, recibiu en nome de Caixanova e a título persoal sendas Medallas de Ouro da Cámara de Comercio de Vilagarcía, en recoñecemento á súa sensibilidade cara proxectos sociais, culturais e empresariais. Fernández Gayoso manifestou a súa intención de continuar colaborando coa programación cultural da comarca.

    Fernández Gayoso agradecía esta nova distinción que ven a sumarse á medalla de Ouro recibida con anterioridade do concello vilagarcián. O presidente da Cámara de Comercio destacou a Caixanova como exemplo de entidade socialmente responsable, comprometida coa idea de facer país. Fernández Gayoso destacou diferentes áreas nas que a entidade colabora, caso de cursos formativos nas instalacións de Opmega, os estudios e colaboracións sobre sectores de cultivos mariños do mexillón e do rodaballo, así como os traballos no sector vitivinícola, coa elaboración do Plan Director da DO Rías Baixas.

    O compromiso de Caixanova co desenvolvemento industrial da comarca púxose tamén de relevo co apoio á instalación de novas empresas nos polígonos de O Pousadoiro e Baión, a través da financiación do solo industrial en condicións vantaxosas. Por estas e outras colaboracións, a entidade cameral concedeu as dúas medallas de Ouro á Caixanova e á persoa que a dirixe.

    Redacción Salnés